Ficha 2. A educación sexual
A docente de Lingua castelá e Literatura de 3º ESO desenvolveu esta dinámica na semana do 16 ao 20 de decembro. Para iso, entregou un folio en branco a cada alumno/a e solicitoulles que redactasen nel de forma anónima preguntas sobre a sexualidade ou prácticas e relacións sexuais que desexasen formular. A maioría das cuestións estaban relacionadas cos conceptos de sexo, intimidade e afectividade. Polo tanto, xerouse un debate na aula sobre o significado destes termos.
Inspirados na finalidade desta tarefa, os/as estudantes dividíronse en catro grupos. Entre os integrantes de cada grupo, elaboraron as súas propias definicións destas palabras.
Ademais, tratouse de vencellar a actividade coa materia de Lingua castelá e Literatura. Nas primeiras semanas de decembro, o grupo achegouse ao estudo de La Celestina, da súa contextualización, temática, argumento, estrutura e estilo. Unha vez interiorizada a teoría e tras realizar a análise dos textos propostos en clase, o grupo dedicou a última semana do primeiro trimestre a reflexionar sobre os tres conceptos abordados na ficha 2 (sexo, intimidade e afectividade) no contexto concreto da obra literaria, analizándoos a través das relacións sentimentais que manteñen Calisto e Melibea, guionizados por Celestina; Sempronio e Elicia; e Pármeno e Areúsa.
Xerouse un debate en clase arredor dos conceptos de amor, paixón, desexo, sexo e intimidade, ademais da afectividade que vencella a Celestina con Elicia e Areúsa e a Melibea cos seus pais, Pleberio e Alisa. Tras esta reflexión, cada grupo elaborou un cómic que recreaba nas súas viñetas as tramas fundamentais da obra relacionadas con esta temática.
Comentarios
Publicar un comentario